mércores, 15 de outubro de 2025

QUÉROTE ASÍ

 Parece ser que foi sen querer,

que as cousas pasaron por nada,

que o camiño nunca existiu,

que nunca se iniciou,

que o primeiro paso xamais se deu.


Entón, chegaches a miña vida,

debuxando solpores co teu sorriso

e tatuaxes de bicos na pel esquecida

e murcha de soidade.


E sei que non es perfecta,

que aínda loitas no teu interior,

que as veces precisas espazo

para sentires que camiñas segura

entre o que consideras caótico

que che fai sentirte abrumada

por momentos,

que che fai pensar en renderte

tantas veces…


E eu,

eu te quero así,

e non cambiaría nada porque es auténtica;

para escribir tamén a miña historia 

na fina pel dos teus días,

para crecermos xuntos

ata que o mesmo tempo se esqueza de pasar.

mércores, 17 de setembro de 2025

 Chegando a unha idade

un xa non se enamora impulsivamente,

é xa cuestión de conexión 

e non de bolboretas polo ventre,

é sentir a alma en paz na túa presenza,

é facer valer a vida no día a día

sen devecer pola eternidade;

é deixar fluir os soños entre bicos e agarimos,

estirando o instante ata o infinito

namentres o tempo perde a súa relevancia.

E é con isto todo que eu quero dicirche

o que tantas noites danzou polas túas costas,

o que moraba implícito en cada xesto:

que eu te amo.

Ámote sen condicións

e sen horarios,

co que teño e son,

sen pausas.

E se algún día o frío ou a rutina se achegasen

tratando de apagar o que sentimos

chega con que lembrases

que da igual o que mude aí fóra,

o meu é firme

e non vai mudar agora.

mércores, 13 de agosto de 2025

HAI DÍAS

 Hai días nos que me sinto coma unha corda tensa,

unha nota desafinada a piques de romper

envolta no medo a que o silenzo te arrinque do meu lado.


Mírote e vexo a candea acesa na aberta fiestra

moi preto, tralo árido inverno das lembranzas.

E, na miña torpeza, tan só trato de me manter erguido

aferrándome no ar con mans espidas,

co temor a que o vento finalmente descubra

o que me costa reconstruírme.


Vexo cada un dos teus xestos con detenimento,

como quen busca gretas na xoia emprestada;

e, cando me equivoco, sinto a miña alma esfollarse

nun rincón do meu peito que non acaba de pechar.


Semella o meu amor por veces unha xaula sen barrotes

que me fai voar ao teu redor, en círculos inexactos;

e, cando ti non estás,

a miña mente se convirte nun teatro baleiro

onde se repiten esceas que nunca aconteceron,

pero que doen igualmente.

Nesas noites nas que o pasado me acosa

coma sombra que aínda se lembra do meu nome,

escoito susurrar que non son suficente,

que todo isto tan fermoso,

tan só é un soño efémero.


E, cando sinto as túas mans

a calma volve,

é coma se o mar bravo deixara xa de pelexar co horizonte

e, por un segundo, a marea me redimira.


Eu tan só quero amar sen ese nó no peito,

mirarte sen ter que reflexarme,

errar sen derrumbarme.

Oxalá algún día o meu amor non sexa medida de esforzo,

senón de calma.

martes, 15 de xullo de 2025

ANXOS

Chegaches paseniño,

trala néboa nos meus ollos cegos,

baixo chuva borrando as miñas pegadas,

entre os agotadores marmurios da miña mente.


E o mundo deixou de ser ruido

e se converteu na fermosa melodía 

que agora comprendo.


O teu sorriso foi faro

cando a miña alma se me facía tan lonxana.

Vou día a día aprendendo

que o amor non sempre é lume que queima;

é brisa ás veces que alivia por dentro,

é silenzo que calma,

é compaña sen barullo,

é sentir que un non está só

aínda que o mundo trema.


Grazas

por me abrigar no meu inverno,

por me colleres da man

cando eu mesmo me afacía a caer,

por ver en min

o que eu nin sequera sabía que tiña.


Es agora espello,

non do que eu son,

mais do que podo chegar a ser

se son quen de verme cos teus ollos,

para crecer contigo

nun futuro xuntos

de respecto, tolerancia e comprensión;

porque ti non es a miña outra metade,

es a persoa coa que quero ser enteiro.


E iso …

o cambia todo.

martes, 8 de xullo de 2025

A VIDA NO PRESENTE

 Eludimos falar do que nos doe,

fainos sentir fráxiles, feridos.

Somos máis de finxir,

de agacharnos tralo espello da tristura,

de amosar o noso vacío

con músicas e filtros de Instagram,

con sorrisos alquilados

e mensaxes de escaparate

amosando a nosa alma ebria de soidade.

No fondo, a fin todos estamos sós;

e, cando pola noite o móbil durme,

esperta o ruido do silenzo,

golpeando na frente mais no peito.

E, sen esperalo, un día aparece

quen non agardabas,

quen non estaba nas túas fotos

e queda ao teu lado;

non para arreglarte

nin para ser a túa salvación,

senón para acompañarte.

Entón comprendes

que a vida non vai de likes,

nin de filtros,

nin de apariencias…

Vai de quen te coñece

e aínda así se queda.

venres, 6 de xuño de 2025

LONXE

 Loita de medos e esperanzas.

Os silenzos enchen a mente de conversas.

Na escuridade da noite sen lúa

xurden as pantasmas das ausencias.

E o sorriso morre entre cadeas.

MISS U


 


Por ti clamo en silenzo, os beizos cosidos pola distanza,

con mans abertas e dedos tensos

tentando verte tralo espello que só devolve o frío presente.


Onte sentín perder a morfoloxía toda do meu corpo

na amalgama de sentimentos;

e o tempo esvaecer na relatividade,

pinga a pinga, esvarando,

debuxando surcos efímeros

na fina lama de océano da túa pel.


Na fusión compartida son quen de entrever

os cimentos da túa dor,

unha porta aberta ás feridas do tempo.

Doen as lembranzas,

miñas e túas,

cheas de rostros e mentiras.

Mais se volven doces nos nosos beizos,

no leve roce que impulsa o desexo,

os ollos pechados,

a confianza toda

onde o corazón deixo.