Chegando a unha idade
un xa non se enamora impulsivamente,
é xa cuestión de conexión
e non de bolboretas polo ventre,
é sentir a alma en paz na túa presenza,
é facer valer a vida no día a día
sen devecer pola eternidade;
é deixar fluir os soños entre bicos e agarimos,
estirando o instante ata o infinito
namentres o tempo perde a súa relevancia.
E é con isto todo que eu quero dicirche
o que tantas noites danzou polas túas costas,
o que moraba implícito en cada xesto:
que eu te amo.
Ámote sen condicións
e sen horarios,
co que teño e son,
sen pausas.
E se algún día o frío ou a rutina se achegasen
tratando de apagar o que sentimos
chega con que lembrases
que da igual o que mude aí fóra,
o meu é firme
e non vai mudar agora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario