venres, 6 de xuño de 2025

MISS U


 


Por ti clamo en silenzo, os beizos cosidos pola distanza,

con mans abertas e dedos tensos

tentando verte tralo espello que só devolve o frío presente.


Onte sentín perder a morfoloxía toda do meu corpo

na amalgama de sentimentos;

e o tempo esvaecer na relatividade,

pinga a pinga, esvarando,

debuxando surcos efímeros

na fina lama de océano da túa pel.


Na fusión compartida son quen de entrever

os cimentos da túa dor,

unha porta aberta ás feridas do tempo.

Doen as lembranzas,

miñas e túas,

cheas de rostros e mentiras.

Mais se volven doces nos nosos beizos,

no leve roce que impulsa o desexo,

os ollos pechados,

a confianza toda

onde o corazón deixo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario