Camiña,
cara diante sempre;
sinte a vida a cada paso,
a cada chanzo,
subindo
e baixando.
Camiña,
cos soños na túa cabeza
pintando cadros de utopías,
camiña sen prisas
ata que perdas o alento,
ata que fiques cos ollos abertos,
ata que se disipen
os inoportunos pensamentos
en brumas traslúcidas
bailadas polo azaroso vento.
Camiña,
ata escoitar o silenzo.
Irrompe entón no mar
cal proa de navío,
supera as ondas da incertidume
e da adversidade,
e debuxa a estela efémera
da esperanza,
do camiño a seguir,
con decisión e confianza
con ganas de vivir.
Camiña,
cos pés nus sobre a area,
sobre a húmida herba
ou as ásperas pedras;
sobre a fría auga da chuvia
ou as candentes cinzas da fogueira.
Camiña,
e cando dubides, lembra
que son os pasos que xa diches
os que forxan a túa experiencia.
Ningún comentario:
Publicar un comentario