Xurde a violenta mentira,
a omisión de culpabilidade,
afoga en densa escuma
a indefinida realidade.
Os ollos ven pero xa non miran,
subiches ao barco das pantasmas
que arrodean os teus soños,
que aos poucos che rouban a vida.
Escolliches a soidade,
as portas e ventás pechadas,
por fuxir dos que te queren,
nunha tumba asolagada.
Estás e non estás,
nesa burbulla que te minte,
lonxe, en silenzo enrabietado
cos que deixas atrás.
Sintes que flotas
na néboa que te cega,
que te envolve, te encadea,
máis lonxe, máis arriba.
Onde vive agora o teu sorriso?
Onde a túa presenza?
Chegas sen chegar apenas,
e fuxes a toda presa.
Os perigos do camiño
ti xa os coñecias:
a dor que ao redor deixas,
a inevitable caída.
Abre os ollos, mira,
trala néboa cegadora,
e suxeita forte a man
daquela que por ti chora.
Ningún comentario:
Publicar un comentario