domingo, 8 de setembro de 2024

BOAS? NOITES…

 

E finalmente marchaches,

a noite levou 

o teu sorriso vermello

de carmín, perfecto,

o teu ollar tenso,

sempre inquedo.


Marchaches

envolta en misterio,

entre ánxeles brancos

levaches o meu Ceo.


A fría escuridade,

herdanza do pasado,

de novo envolveu

os soños e esperanzas

co paralizante medo.


Medo

a non estar preto de ti

outra vez;

medo 

a non poder máis sentir

a calor

do Ceo que me alumea

ao teu carón.


Marchaches,

e eu marchei

coa alma afogada

na soidade do silenzo,

entre as verbas acaladas

que son hoxe o meu veleno.


Marchei contrariado,

fundíndome coas sombras,

vencido unha vez máis

pola inoportuna vergoña,

que me ten encadeado

nestes vellos muros do pasado.


Boas noites.

Ningún comentario:

Publicar un comentario