xoves, 23 de maio de 2024

CADEAS DO PASADO

 

Senda verde, inexplorada,

nova a cada paso

a cada chanzo que subo

ou que baixo

ao ritmo do corpo que habito,

condicionado.


Hoxe teño medo,

aínda berran

as sombras do pasado,

por detrás,

axexando en silenzo,

para logo envolverme

co manto da inseguridade

cando chegue o momento.


Abro os ollos á vida,

á beleza que me arrodea,

que ás veces me absorbe,

mentres outras foxe de mín

por non saber atendela;

presenza fugaz, efímera

como a vida mesma,

desfrutar do momento

que xa se foi, a quimera

que nunca chega.


Mentirme para poder crer,

para manter a esperanza,

para ter soños alomenos;

nubes de esponxa branca,

lixeiras, suaves e tenras

flotando no desgoberno,

envolven as penas,

agochan os pensamentos.


Sinto que aínda está lonxe

ese ceo que me agarda;

a senda que se perde

onde a escuridade manda;

a soidade covarde

no meu peito preme,

e o corpo non avanza;

cando o corazón si quere,

impídeo a herdanza.

Ningún comentario:

Publicar un comentario