domingo, 11 de febreiro de 2024

ADVERSIDADE

 


No inmenso lenzo da existencia,

a alma vai deixando estelas de cores,

brillos e sombras que emanan

en base as nosas experiencias.


Na percura do sentido verdadeiro 

é o tempo quen marca o ritmo; 

implacable fillo da morte segura,

agocha o futuro en frasco baleiro.


E a vida,

efémera coma un suspiro, deixa

un corazón ferido, na súa soidade.


O ansiado amor , cruel tormento,

un laio sen eco na distancia,

unha melodía que se perde no vento,

un soño que se esvaece sen fragancia.


Morren as flores sen seren admiradas

no xardín do corazón desolado.

As palabras doces se confunden no pasado,

as bágoas volven ser compañeiras amadas.


Morren nos meus beizos os sons das verdades

agochados no neboeiro da vergoña,

un amor que se perde no vacío insondable,

para que seguir entón amando na adversidade?

Ningún comentario:

Publicar un comentario