Se me esqueceu xa vivir.
Dende a escuridade da húmida cova,
entre muros de rocha áspera e ferinte,
a tenue luz da fogueira
proxecta sombras informes do pasado,
o cinema das lembranzas
que tan só produce dor e abatimento.
As lapas de lume aínda ergueitas,
coa súa danza impredecible,
tentan quentar o aterido corpo,
acender a luz nos ollos extintos,
o cruxir da madeira que expulsa
faíscas de lume que morren no ar.
Xa vai quedando pouca leña;
e alí, sentado, agardo
a lapa que me desperte
do meu inerte letargo.
Ou ben as cinzas
que ao final queden
voen no remuíño eterno
e con elas me leven
deixando tan só o silenzo,
morrendo en paz nos meus versos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario