A luz extinta nos ollos
que antaño emanaban vida
co puro sorriso de nai orgullosa
diante do seu pequeno mundo,
o seu Ceo máis tanxible,
xa se foi.
O ollar hoxe centrado
no manto albo
de simétricos bordados,
na coroa dourada
da nai dos pesares,
coa vista posta no ceo,
como querendo reenviar
plegarias e lamentos,
escuras sombras
dos seus lánguidos pensamentos.
Repousa a cabeza
sobre a nai que a acolle,
eterno amor materno;
choven as bágoas
da desesperanza,
mentres a man da tenrura
acariña a húmida faciana
e con tenue voz,
en segredo susurro,
dúas únicas palabras:
“ten fé”.
As campás soan
con repique de festa,
música de banda
e fogos de artificio.
A xente ri nas casetas
mais alí só están ela
e a súa doenza,
e a fé que as arrodea.
Ningún comentario:
Publicar un comentario