domingo, 2 de abril de 2023

Un a un


Cero forzas para camiñar,

para siquera erguer os ollos

e amosar as bágoas

que nas palmas recollo

por non mollar o chan.


Unha estrela que fuxe

lonxe da vista brumosa,

con escusas repentinas

a estela máis fermosa

deixa só incertidume.


Dúas noites de silenzo,

os redobles do corazón,

cun anhelo de coincidencia,

fan que caia o telón;

dous corazóns a destempo.


Tres verdades que golpean,

medo, vergoña e soidade,

que asolagan os días

coma a única verdade

dos que na nada anhelan.


Catro pétalos restan

da profética margarida,

o resultado xa coñecido

da reiterada negativa,

alimento do poeta.


Cinco versos esquecidos

verten tenues esperanzas 

no amplo universo dos datos

mesturados en lúgubre danza

sen seren correspondidos.


Seis cordas afinadas,

arpexios na escura noite,

reflexando o sentimento

que o corazón esconde

mantendo a voz calada

Ningún comentario:

Publicar un comentario