Inmóbil,
os ollos no mar,
co peito rexo e dolorido,
as bágoas fervendo
nas meixelas quentes
polo Sol.
O vento
azouta inutilmente
o seu corpo de porcelana
e achega o cheiro fresco
do salitre
que aviva a esperanza.
Mais ao lonxe, nada;
unha liña recta,
indefinida,
chea de misterio
e de soidade
no infinito tempo.
Nesa quietude inqueda
arreboan os pensamentos,
as lembranzas,
os proxectos ...
O que non se dixo,
o que se falou sen senso,
as verbas que firen
máis aló,
no etéreo.
Maio 2022
Ningún comentario:
Publicar un comentario