venres, 26 de xuño de 2026

EVOLUCIONANDO

 Nela había un porto de antigas néboas,

un peirao gris tecido con esperas,

mans estendidas ao vento 

e ventos fugaces que só buscaban a súa pel.


E eu cheguei despois.


Cheguei coas miñas mans pequenas,

co meu único naufraxio ás costas,

cunha única e gravosa historia

de quen perdeu unha soa árbore 

e mira con desacougo 

o bosque queimado dos demais

comprendendo que toda cinza ten a súa dor,

que toda ferida conta unha batalla distinta.


E había días

nos que o pasado semellaba

unha infinita praia de pegadas,

nos que o corazón tremía cal fráxil cuncha

dubidando en silencio

o merecimento dos seus bicos.


E entón a miraba.


Miraba como recollía os meus xestos

como quen recolle cunchas raras na beira.

Miraba como sorría

cando a miña tenrura rozaba a súa alma.

Miraba como, sen darse conta,

me facía espazo,

espazo no seu armario,

espazo na súa mesa,

espazo nos seus plans, 

na súa vida,

no mañá compartido.

Ata que un día 

xa non eran os seus pés e os meus

senón un único rumor de area.


E cando a incerteza chega,

porque ás veces chega

e o horizonte parece difuminarse

eu xa non vexo distancia,

vexo gaviotas facendo rumbo,

vexo un mar sensible

que o vento encrespa

porque sinte os ventos máis fondo ca ninguén.


E se a súa voz se volve pedra por un instante,

lembro que baixo a pedra o río segué o seu camiño.

Porque aprendín

que o amor non sempre é ceo sen nubes,

ven sendo un faro máis ben.

Faro que permanece 

cando a néboa baixa,

e a noite dubida,

e as aguas se revolven.


E eu quero ser iso,

non a ausencia de tormentas

senón a luz que non marcha

porque sei que o seu corazón 

está aquí

como o meu,

os dous aprendendo,

onda tras onda,

que amar non é chegar sen pasado,

senón quedar.

Quedar cando o vento cambia,

quedar cando a marea sobe,

quedar ata que dous nomes distintos

se pronuncien

coma o mesmo rumor do océano.

Ningún comentario:

Publicar un comentario